Como galegas e galegos,
que sabemos moito de humillacións e de falta de respecto á nosa dignidade como
pobo, manifestamos a nosa repulsa pola forma en que o Estado español está a
tratar o pobo catalán, as súas institucións democráticas e os seus e as súas
lexítimas representantes políticas.
Repudiamos, e sentímonos
tamén ameazados e ameazadas, polo empeño do Estado español no recurso á
represión en forma de embargos, procesos, cárcere e exilio como contestación á
manifestación da vontade política do pobo catalán, expresada nas urnas, a favor
dun referendo de autodeterminación, e, en todo caso, a favor da superación do
marco autonómico.
Consideramos que se está
perseguindo dirixentes da Cataluña polo único feito de expresaren libremente as
súas ideas socialmente e na sede das institucións políticas constituídas
democraticamente, conforme á legalidade e á lexitimidade que lles deu o pobo
catalán, sen que en ningún momento cometesen por iso delitos de sedición e
rebeldía. Avergoña e entristece a violencia institucional, xudicial e policial,
que o Estado español, co Goberno á fronte, está empregando, impropias dun
Estado minimamente democrático.
Basta xa!. Queremos a liberdade
inmediata de todos os presos e presas políticas perseguidas e encarceradas polo
simple feito de defenderen por métodos pacíficos que o pobo catalán existe e
ten unha vontade política expresada democraticamente nas urnas, que debe ser
respectada.
|
Manifesto: "Basta Xa!" |